Tras unha vida chea de grandes campos verdes, sentindo o sol no lombo coma un aloumiño e o vento coma un compañeiro de xogos, os últimos días foran terribles: a claustrofobia dos escuros recunchos, o terror de verse rodeado de xente estraña, os empurróns, os berros, a incerteza sobre o seu futuro.
Agora estaba esgotado, co sangue caendo a esgallo polo lombo das profundas feridas de pinchos e lanzas. Rodeado por milleiros de persoas nun pequeno espazo, tentaba de se zafar do molesto home que, abaneando un pano escuro diante de seu, non lle permitía descansar, seguía a o premer. Ainda se preguntaba como era posible que, tras tantos intentos de darlle unha cornada, non fora capaz de abafa-lo: parecía que os seus cornos eran mais cortos, mais febles e, a súa forza, non a podía atopar por ningures.
A testa pesáballe coma nunca –tras longas horas soportando un gran peso pendurado do pescozo–, apenas podía mante-la vista no obxectivo, o chan tan preto do fociño coma se estivese bebendo; as patas estaban ríxidas, as brecas facían tan difícil poder moverse que soamente pensalo era doloroso; os ollos, case cegos des que lles botaran enriba unha morea de graxa, adiviñaban, entre contrastes de luces e sombras, a posición do molesto home que o acosaba.
Sentía moito medo.
Unha forte axitación do pano do home impeliuno a se mover de novo. Unha vez máis, un novo fallo, moitos berros e desorientación: onde estaba o home? Alá, ao lonxe.
Porén, esta vez a cousa era diferente: por riba dos berros da xente que xa ulira cando saíra da escuridade, oíuse unha música tétrica.
O home fixo un movemento e de detrais do pano sacou unha especie de pau, que case non podía ver. Comezou a berrarlle mentres axitaba o pano. Era irritante, pero non tiña folgos para ir castigalo: estaba esgotado. O único que quería era botarse a durmir e coller as forzas.
De novo, o home berrou e axitou o pano.
Un sentimento de impotencia apoderouse del. Como podía facer que o deixasen en paz? El só quería voltar aos seus prados, á súa vida tranquila nas vastas pradeiras nas que nacera e se criara.
De súpeto, unha enorme figura apareceu diante dos seus sensos. Era un touro de brillante luz branca e de imensas proporcións, que parecía ver coa súa mente máis que cos seus ollos. As súas cornas eran tan longas que parecían araña-lo ceo, e os seus ollos espallaban unha sensación de alivio por onde os pousaba. O resto do mundo esvaeuse nunha néboa.
–Que ocorre, meu fillo? –preguntou o enorme animal branco cunha voz poderosa mais tranquilizadora.
–Teño medo, padre –respostou o touro, case sen folgos.
–Non teñas medo. Axiña deixarás de sentir dor, e o medo desaparecerá.
–Por que me fan isto, padre? –preguntou de novo o touro, logo dun anaco.
–Non están conectados coa Natureza, fillo. Son inconscientes, mesmo da magnitude da súa crueldade.
O touro abaneou lentamente a testa, incapaz de comprende-lo.
–Quero voltar a casa, padre. Quero voltar a miña vida, sen que me fagan dano; vivir en paz…
–Axiña estarás en paz, meu fillo.
–Non quero morrer…
–Non desaparecerás. Trouxeches fillos e fillas ao mundo. Eles continuarán a túa estirpe. Estarás vivo nos seus fillos, e nos fillos dos seus fillos.
–Pero…
–O máis importante –continuou o Gran Espírito–: vivirás na memoria dalgúns destes homes. E quizáis chegue o día no que lembren a túa coraxe, e a dos teus irmáns, e pensen que non paga a pena facer estes sacrificios para calmaren a súa sede de sangue.
O touro agachou a testa. Estaba tan canso que, o certo, non lle importaba morrer, só quería que se fose a dor, que rematase todo.
–Comprendo, padre –dixo finalmente.
–Estás listo, meu fillo, para afronta-lo teu fado coa dignidade dun verdadeiro touro?
–Non teño forzas… –protestou o animal, vencido.
–Atópaas do teu corazón, fillo. Colle as forzas da túa alma e concéntraas nun último asalto. Bate cos teus cornos contra o inimigo invencible, e conseguirás trunfar no corazón dos xustos.
–Graciñas, padre –respondeu o touro, capaz agora de atopar forzas onde antes só tiña dor e tristura.
–Hai un lugar para ti no Gran Mundo… Deséxoche que o atopes, meu fillo. Adeus.
O Gran Espírito desapareceu e o mundo voltou a ser coma era. O home que sostiña o pano e o pau berrou de novo.
Esta vez o touro estaba preparado.
Fungou con tódalas súas forzas por derradeira vez. Bateu co pezuño contra o solo, e botou a correr contra o Inimigo.
Sentíu unha gran dor, que atravesaba todo o seu corpo, e caeu no chan. Esta vez, porén, non só estaba o Gran Espírito esperando por el, mais tamén outros touros, o seu pai, o seu irmán… Tódolos touros e vacas que morreran na sua linaxe estaban a chamar por el, para vir ao seu carón. O seu corpo deixou de doer e fíxose lixeiro e poderoso.
Andou cara a eles con dignidade.
–Ben feito, meu fillo –dixo o Gran Espírito mentres o acollía no grupo–. Ben feito.
FIN

Tauro by Excalibor (excalibor@gmail.com) is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 2.5 España License.
Nota: editado o 16 de setembro de 2008: corrixidos dous usos ‘de mínimos’ dos guións e a segunda forma do pronome en «pensa-lo era doloroso» e «para ir castiga-lo». Grazas aos meus lectores polas correcións…